Friday 29 de March de 2024

Ecosystems 2030 consolídase na Coruña e celebrará o ano que vén unha nova edición


Esta tarde clausurouse en Palexco o congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030, que tivo lugar os días 2 e 3 de xuño

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou este venres na clausura do congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030 A Coruña Summit 2022.

O evento, que tivo lugar entre os días 2 e 3 de xuño en Palexco, acolleu a máis de 50 expertos/as en materia tecnolóxica de todo o mundo. “Estes días tivemos a oportunidade de escoitar a relatores/as chegados/as desde todas as partes do mundo, nun foro internacional que se erixe como o cume sobre innovación e tecnoloxía máis relevante de España e, posiblemente, de toda Europa” sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

Durante estas dúas xornadas, os relatores e relatoras analizaron o futuro tecnolóxico dende sectores moi diferentes, como o transporte, as finanzas, o entretemento ou os desafíos xeopolíticos; coa innovación tecnolóxica como eixe transversal. A implementación do metaverso foi un dos puntos clave do encontro, e debateuse a posibilidade real de levalo a cabo na sociedade actual así como o seu impacto no sector económico.

Ademais, esta tarde Ecosystems 2030 ofertou unha xornada aberta á cidadanía, na que os coruñeses e coruñesas tiveron a ocasión de afondar nos grandes retos tecnolóxicos. As persoas asistiron de forma presencial, desprazándose ao Palexco, pero tamén a través de ‘streaming’ dende outros puntos do territorio aproveitando a oportunidade: “Quizais, nalgún sitio do mundo, algún coruñés ou coruñesa volveu hoxe á súa cidade durante unhas horas para gozar deste relatorio, aínda que fose de forma telemática” destacou a alcaldesa.

Na cerimonia de clausura, a rexedora estivo acompañada do presidente executivo de Ecosystems 2030, Omar Hatamleh, que lle agradeceu ao Concello da Coruña o seu compromiso co evento. Pola súa banda, Inés Rey tamén lle quixo agradecer ao presidente de Ecosystems 2030 o seu traballo: “Foi unha honra traballar conxuntamente nesta edición.

Tanto, que xa podemos anunciar que estamos a comezar a preparar a seguinte para o próximo ano de novo aquí na Coruña”